Burela Alumea | O Espello do Faro
Un proxecto que xira arredor da recuperación do patrimonio material e inmaterial pesqueiro de Burela. O elemento principal é o molde do faro, reparado e instalado no paseo da Marosa. A pé de mar albérganse testemuñas, saberes e sensacións plasmadas pola obra artística “La piel del Mar” de David Catá.
Burela Alumea contou coa participación do tecido asociativo e sector pesqueiro burelá, e foi posible grazas ao financiamento do GALP A Mariña – Ortegal a través do FEMPA.

O Concello de Burela promoveu O Espello do Faro, unha iniciativa arredor da posta en valor do patrimonio material e inmaterial pesqueiro da vila. O elemento central do proxecto foi o molde do faro, unha estrutura de grandes dimensións empregada para a reparación do Faro Burela, tras un temporal no ano 2014.




En paralelo á reparación do molde nos estaleiros, desenvolvéronse actividades para a recollida de patrimonio inmaterial pesqueiro a través de radio e fotografía, contando co apoio de Brais Lorenzo e Serxio Pascual, do colectivo Habitar o Baleiro. Nestes obradoiro xuntamos á rapazada do grupo de participación adolescente coa asociación A Moncloa, empregando radio e foto para sacar á luz vivencias do sector pesqueiro e intercambiar información entre xeracións.

A rapazada fixo fotografías, retratando os rostros do sector pesqueiro, e grabou audios de homes de mar xubilados e mariñeiros migrantes, de redeiras e de mulleres da conserva, que construíron e dan vida á historia e desenvolvemento local.








Escoitar as súas testemuñas:
Xa no 2025, con contidos arredor da frota pesqueira, as lendas, o produto pesqueiro, os oficios, as festas mariñeiras, etc, e cun molde do faro instalado na zona da Marosa, chegou o momento de fusionar as dúas pezas. A través do concurso MoldeArte, David Catá dirixiu e desenvolveu “La piel del mar”, unha obra que plasma a identidade mariñeira desta vila.
A cor azul, as redes en desuso e adaptadas pola man das redeiras Cabo Burela, unha peza de encaixe realizada pola Asociación As Encaixeiras de Burela, e uns xogos de luz e música transmiten o sentir de Burela cara o mar. Ademais, David Catá compuxo unha peza musical que acompaña á proposta artística.


O espello do faro conclúe coa inauguración da obra artística, esperando que o molde do faro sexa un elemento de referencia veciñal e xere interese na contorna, xa que é un novo punto que transmite o noso vínculo co mar, funcionando como espello do faro de Burela e albergando partes da nosa historia.
