Visitas guiadas verán 2021

Este verán podes percorrer a nave de redeiras "Cabo Burela", a igrexa da Vila do Medio, o Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen" e o noso importante patrimonio xeolóxico, declarado de importancia mundial, a través das xeorutas.

Se te animas a facelo:

Desentrañarás da man das propias redeiras o seu oficio tradicional e artesanal

A Asociación Cabo Burela mantén viva esta labor esencial para que os barcos do porto da vila poidan saír a fanear. No pasado era este colectivo, formado exclusivamente por mulleres, o que reparaba e confeccionaba as nasas e redes, diferentes en función de cada arte de pesca, variando así a técnica de elaboración da rede. Actualmente, o traballo das redeiras segue sendo unha importante seña de identidade da tradición mariñeira.

Na nave de redeiras, a través de visitas planificadas e organizadas pola propia asociación, poderás coñecer este importante oficio manual tal e como o realizaban as súas predecesoras décadas atrás, manténdose inalterado no tempo. Na mesma nave, existe tamén un pequeno espazo onde se expón maquinaria e outros elementos de barcos pesqueiros.

 

Descubrirás os frescos da Igrexa da Vila do Medio, como tamén o fixeron no ano 1973 uns nenos que xogaban á pelota nos seus arredores

Da Igrexa da Vila do Medio destacan as súas excelentes pinturas murais do século XV, de autor descoñecido e factura medieval, encadradas dentro do estilo gótico tardío. Representan escenas da Paixón de Xesucristo. Actualmente consérvanse en bo estado dúas delas: “A flaxelación” e “A sepultura de Xesús”. Como moitas outras na súa época, as pinturas foron cubertas de capas de cal ao longo dos anos para evitar a propagación de pestes e pragas, descoñecendo os fregueses a súa existencia. No ano 1962 deixou de ter culto e foi abandonada á súa sorte, apoderándose dela a vexetación e víndose abaixo parte do teitume, ata que afortunadamente no ano 1973, a medio destapar polas condicións nas que se atopaba o templo, descóbrenas uns nenos buscando unha pelota que lles caeu accidentalmente no interior cando estaban a xogar nas súas inmediacións. Tamén é de resaltar a reproducción idéntica da Virxe do Pilar que doou a Catedral Basílica de "Nuestra Señora del Pilar" de Zaragoza.

 

Explorarás a historia da terra a traves das rochas e formacións do noso litoral e da nosa montaña.

O turismo xeolóxico é unha tipoloxía turística innovadora, didáctica e amena. Practicándoo gozarás de paisaxes que atesouran formacións curiosas, singulares e monumentais de gran beleza, á vez que aprendes sobre elas con explicacións facilmente comprensibles para todo tipo de público, incluídos aqueles que non estamos familiarizados con esta ciencia. E que mellor sitio para facelo que Burela, declarada oficialmente lugar de importancia xeolóxica de relevancia mundial?. A través de catro percorridos guiados, as xeorutas, poderás descubrir caprichos xeolóxicos como arcos, cavernas, unha "igrexa" creada pola natureza, illotes que parecen desafiar á gravidade, unha pouco frecuente formación xeolóxica que recorda a unha tableta de chocolate (diaclasado ortogonal); uns interesantísimos pregues de máis de 300 millóns se anos, os mellor conservados de Galicia; e o punto de confluencia entre o  batolito de San Cibrao-Burela (formado por granito) e a Rasa Cantábrica, superficie plana e rectilínea que comeza na población, estendéndose por boa parte do Cantábrico (formada por cuarcitas), as súas características, o seu proceso de formación, as diferencias morfolóxicas e de materiais entre estas dúas superficies, etc.

 

 

 

Coñecerás a vida e tarefas diarias dunha tripulación en altamar, as artes de pesca que se empregan nos portos do Cantábrico e as tecnoloxías dun barco do ano 1967

Despois de faenar durante 30 anos, o Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen" é testemuña da historia, vida e cultura mariñeira do noso porto e vila. Se acertas a visitalo poderás percorrer todas as súas estancias, que se atopan practicamente intactas, descubrindo o xeito de vida e tarefas diarias da tripulación nun barco das súas características, o seu funcionamento, tecnoloxía empregada, as artes de pesca artesanais do Cantábrico e moitos aspectos máis que sorprenderán tanto a adultos/as como ao público infantil. A súa labor de concienciación e difusión de artes de pesca tradicionais e sostibles foi recoñecida coa concesión da Bandeira Azul de Educación Ambiental e Protección dos Recursos Mariños da Unión Europea.

 

 

 

Horarios, información e reservas previas:

 

- Visita guiada á nave de redeiras "Cabo Burela":

Horario: a partir do 8 de xuño, de luns a venres, ás 11:00 h e ás 17:00 h.

Visitas garantidas cun mínimo de 2 persoas.

Tarifas:
Maiores de 16 anos: 5 €
De 4 a 16 anos: 3 €
Menores de 3 anos gratis.

Teléfono: 630 75 79 10. Correo electrónico: caboburela@hotmail.com.

 

- Visita guiada á Igrexa da Vila do Medio:

Horario: A partir do 8 de xuño, todos os xoves ás 11:00, 12:00 3 13:00h. Requírese cita previa (ata o mércores anterior á visita). Teléfono: 982 888 506 (Oficina de Información Turística). Visita gratuita.

 

- Visita guiada ao Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen":

Horario: De martes a domingo: visitas ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 h. Requírese cita previa, excepto domingos. Teléfono: 982 888 506 (Oficina de Turismo).

Tarifas:
Adultos/as: 5 €
Entre 8 e 18 anos: 3 €
Menores de 8 anos: gratuita

 

- Xeorutas:

Inscripcións no blog: https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/ ou na Oficina de Información Turística. O prazo para anotarse ábrese sete días antes da data de cada xeoruta. Teléfono: 982 888 506. Rutas gratuitas.

Teñen lugar dúas veces por semana nos meses de xullo, agosto e primeiros de setembro.

 

Para todas as actividades as prazas están limitadas dependendo da evolución da normativa de prevención da Covid-19.