NOVA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN SOCIAL SOBRE A COVID-19.

O equipo de goberno do Concello continúa coas campañas de concienciación sobre o covid-19. Nesta ocasión faino coa colocación de grandes carteis na praza da Mariña e no parque Rosalía de Castro nos que se pode ler a mensaxe Burela, ti elixes.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explica que “a campaña fai un chamamento á poboación para que despois dun ano realmente complicado, non caiamos no esquecemento”.
A edil burelesa sinala: “hai que dar a noraboa polo bo comportamento da inmensa maioría dos nosos veciños e veciñas. Grazas ao sacrificio de todos conseguimos remitir os gromos que por agora levamos sufrido, pero é moi importante que non esquezamos por todo o que pasamos”.
Carmela López engade que “este Nadal non vai ser e non pode ser como un Nadal máis e hai que telo moi presente. Apelar á responsabilidade individual nestas datas é fundamental para non dar pasos atrás. Temos que coidarnos e coidar dos nosos”.
Na presentación da campaña participaron o alcalde, Alfredo Llano, e os concelleiros de Medio Ambiente, Inmigración, Turismo e Servizos Sociais, Toñi Eijo, Noelia Mª Ben, Ramiro Fernández e Carmela López, respectivamente.