I CERTAME GALEGO DE VIDEOCLIPS MUSICAIS DO CONCELLO DE BURELA - mUSIC@RTe

I CERTAME GALEGO DE VIDEOCLIPS MUSICAIS DO CONCELLO DE BURELA - mUSICARTe

Participantes: Escolas de Música e Conservatorios de Galicia (privado ou público).
Premio 500 €   Mellor Videoclip inédito.
Premio 250 €  Mellor Videoclip cover.
Premio 250 €  Mellor Videoclip Galego.
Premio 200 €   Mellor Videoclip  do Público.

Mellor Videoclip inédito. Neste caso o videoclip terá unha proposta musical, ben sexa instrumental ou vogal, inédita, é dicir, composta polos autores do vídeo musical para este certame. En calquera idioma.
Mellor Videoclip cover. Optarán a este premio as versións de temas instrumentais ou vogais xa existentes de calquera xénero musical.
Mellor Videoclip Galego. Optarán a este premio os videoclip instrumentais de composicións galegas (inéditas ou versións) e as composicións vogais en galego (inéditas ou versións, de artistas que compuxeran o tema en galego).
Premio do Público. Concursará a este premio calquera dos seleccionados para concurso e computaranse os votos polo número de comentarios POSITIVOS que teña o mesmo.

BASES:

A Delegación de Cultura e Xuventude do Concello de Burela presenta o “I CERTAME GALEGO DE VIDEOCLIPS MUSICAIS DO CONCELLO DE BURELA”  mUSICARTe adscrito ás seguintes bases:

CAPÍTULO 1.- DOS PARTICIPANTES 

PRIMEIRA.- Ao  certame  poderá  presentarse  calquera  persoa  ou  colectivo pertencente a Escolas Municipais ou privadas de Música da Comunidade Galega ou pertencentes a Conservatorios, sempre situados na mesma Comunidade Autónoma e cuxo  representante supere a maioría de idade.

CAPÍTULO 2.- REQUISITOS DAS OBRAS

SEGUNDA.- Cada participante concursará cun máximo de 5 videoclips orixinais e inéditos (que non foran premiados en ningún outro certame de similares características) dun  minuto de duración mínimo e un máximo de cinco minutos. 

TERCEIRA.- O vídeo presentarase en formato avi, mpg2, mp4 o mov e axuntarase ao enderezo electrónico enviado a casaxuventude@burela.org. Os vídeos DEBERÁN SER EN FORMATO HORIZONTAL. Poderán ser editados para mellorar a súa calidade gráfica e artística.

Valorarase a mensaxe social, educación en valores, a calidade sonora, técnica e de imaxe, a interpretación, e a complexidade dos videoclips.

Poderanse empregar todos os recursos que o/a autor/a considere precisos, excluíndo ao Concello de Burela da responsabilidade dos dereitos de autor da música, imaxes e material audiovisual empregados no vídeo.

CAPÍTULO 3.- INSCRICIÓN E ENVÍO

CUARTA.- As propostas enviaranse ao correo electrónico  casaxuventude@burela.org  xunto con:

a. Datos do participante ou colectivo.
b. Fotocopia do DNI de cada integrante que traballe na proposta.
c. Teléfono e correo electrónico da persoa responsable da obra.
d. Título da obra.
e. Certificado de número de conta bancaria no que realizar o ingreso no caso de resultar premiado.

As obras poderán enviarse desde o día seguinte á publicación destas bases. A data límite de entrega das propostas será o 20 de xuño de 2021.

QUINTA.- O prazo de presentación dos vídeos finalizará o día 20 de xuño de 2021 e as bases publicaranse na web do Concello de Burela así como  na páxina de Facebook da Concellaría de Cultura e Xuventude do CONCELLO DE BURELA.

SEXTA.- Os participantes no certame quedan informados e autorizan que os datos persoais facilitados ao inscribirse no concurso, requisito sen o cal, non se poderá participar no mesmo, incorporaranse a un ficheiro automatizado, titularidade do Concello de Burela e serán tratados coa finalidade de desenvolver a súa participación no concurso.

Ante o non  cumprimento  das bases,  o Concello  de  Burela queda  facultado para rexeitar as obras dos participantes por non cumprir cos requisitos de participación.

A Organización recomenda aos participantes non deixar a inscrición para o último momento, debido aos posibles colapsos de rede que se puidesen producir ao coincidir un alto número de inscricións nos últimos días de prazo.

A Organización non se responsabiliza das consecuencias derivadas deste feito, admitindo exclusivamente as inscricións realizadas a través do formulario oficial do concurso.

CAPÍTULO 4. PREMIOS

SÉTIMA.- A gala de entrega de premios celebrarase no mes de outubro. A data concreta comunicarase con marxe suficiente. Será imprescindible a presencia do representante do colectivo premiado salvo causa de forza maior. Durante a gala, a celebrar no Auditorio Municipal de Burela proxectaranse os 4 videoclips premiados.

OITAVA.- Todos os premios serán decididos polo xurado excepto o do público que valorarán as persoas visualizando todos os presentados na canle de YouTube  do Concello de Burela. Para puntualos contaranse o número de comentarios positivos dos mesmos, polo que non será suficiente con darlle “me gusta “ao videoclip á hora de computar os mesmos.

Estes premios estarán suxeitos á retención do IRPF que establece a lexislación vixente.

NOVENA.- Os premios  non  poderán  ser  acumulativos, reembolsables  nin  intercambiables.  O premio é único independentemente do número de autores da obra.

DÉCIMA.- Os premios poden quedar desertos se o xurado así o decide. O fallo do xurado será inapelable.

CAPÍTULO 5.- CUESTIÓNS XERAIS

DÉCIMO PRIMEIRA.- Bases completas en www.burela.org na sede electrónica do Concello de Burela e na páxina de Facebook da Delegación de Cultura. Todos os videoclips poderán verse na canle de YouTube do Concello de Burela.

DÉCIMO SEGUNDA.- O xurado estará composto por 3 persoas: membros da comunidade artística ou musical galega.

DÉCIMO TERCEIRA.- A Organización do concurso resérvase o dereito de excluír todas aquelas obras cuxo contido sexa obsceno, violento, sexista, racista, homófobo ou vulnere algún dereito fundamental da persoa.

DÉCIMO CUARTA.- Coa presentación do vídeo a concurso os/as participantes garanten que non achegarán materiais que supoñan vulneración algunha dos dereitos de propiedade intelectual ou industrial de terceiros, polo que liberan absolutamente ao Concello de Burela de toda responsabilidade derivada de calquera incumprimento de calquera norma ou infracción de dereitos de terceiros por parte dos/as participantes, asumindo estes/as a obrigación de manter ao Concello de Burela libre de toda responsabilidade no devandito caso.

Os concursantes responsabilízanse de que non existan dereitos a terceiros, nin reclamación algunha por dereitos de imaxe das persoas que aparezan nelas, así como de que as obras presentadas non estean sometidas a reclamación legal algunha e se atopen dentro do establecido pola lei de propiedade intelectual, eximindo á Organización de calquera tipo de responsabilidade.

DÉCIMO QUINTA.- Os/as  participantes  no  concurso  ceden  ao  Concello  de  Burela  os  dereitos  de explotación das obras presentadas, incluíndo os dereitos de uso, difusión, distribución, exhibición, comunicación pública, divulgación e reprodución por Internet ou calquera outro medio audiovisual, mostra ou exhibición, das obras. Dita cesión realízase de forma gratuíta e non exclusiva, a nivel mundial.

A organización, así mesmo, resérvase o dereito de utilizar as obras seleccionados e recibidas con fins de promoción e/ou de difusión, os cales se exercitarán sempre co recoñecemento da súa condición de autor, excepto manifestación en contra.

DÉCIMO SEXTA.- Calquera eventualidade imprevista xurdida en relación co desenvolvemento do “I CERTAME GALEGO DE VIDEOCLIPS MUSICAIS DO CONCELLO DE BURELA”  e non contemplada de forma expresa nestas bases será resolta de acordo co criterio da organización. Así mesmo, a organización non se fai responsable da mala ou nula recepción dos materiais.

DÉCIMO SÉTIMA.- A participación neste Concurso supón a aceptación plena das súas bases.