EXTRA! DE PACO NOGUEIRAS

«Extra!» é a nova obra de Paco Nogueiras logo de «Radio Bulebule» e de «Brinca vai!» (III Premio Martín Códax da Música - Infantil) que, trala súa publicación deron lugar a varios espectáculos cos que o compositor e intérprete percorreu festivais, escenarios e escolas de toda Galicia. O autor volve recuncar nos medios de comunicación -nesta ocasión, a prensa escrita- coas 12 cancións deste novo libro-disco ilustrado por Marc Taeger que, ademais, conta co apoio dos videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.

Os temas dispóñense como nun xornal con distintas sección onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil, o autor coida as letras das composicións e as melodías, que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público.

Marc Taeger desdobra a figura de Paco Nogueiras en numerosas e divertidas facetas, cheas de colorido, dinamismo e expresividade. Sempre cos seus característicos lentes e co inseparable chapeu azul, o protagonista convértese en repartidor e lector de periódicos, nun entusiasta cronista do mundo, ao ritmo da música.

Porque a prensa é un valioso recurso na escola e no fogar para animar á escrita, á plástica creativa, para desenvolver habilidades lectoras, a curiosidade e a imaxinación, dinamizar a socialización e o traballo en equipo, os coñecementos tecnolóxicos… este traballo destaca pola súa versatilidade e o seu carácter lúdico.

Casa da Cultura de Burela.
Sábado 13 de marzo ás 18:30 horas.
Público Familiar.
Entrada 2,50 euros.