Unhas gafas como as do avó

Sábado, 27 Febrero, 2021 - 18:30

A compañía A TRASTENDA DOS CONTOS (Caxoto), estará en Burela o vindeiro sábado, 27 de febreiro, ás 18:30 horas no Auditorio  da Casa da Cultura. A Delegación Municipal de Cultura,   AGADIC e a REDE DE TEATROS E AUDITORIOS de Galicia achégannos esta proposta de Lingua de signos e Lingua oral.

Gema Santos e Felipe Díaz (Caxoto) preséntanos un espectáculo onde se conxugan dúas linguaxes que por separado son moi ricas, pero conxugadas son un verdadeiro tesouro. Un espectáculo no que a Lingua Oral se apoia na Lingua de Signos e onde a Lingua de Signos ponse á mesma altura que a Lingua Oral. Un espectáculo para persoas xordas e oíntes onde os dous códigos conviven como iguais. Un espectáculo no que o que menos importa é a diversidade presente no público senón o feito de vivir un conto nunha linguaxe universal.

Gema e Caxoto contarannos a historia de Laura, unha nena moi inquieta que todo o tempo anda á procura de aventuras que vivir. No xardín da súa casa xoga ó seu xogo favorito: Soñar cos ollos abertos. Desta maneira pode explorar mundo lonxanos inimaxinables construídos desde a súa atolada imaxinación. Un día sente curiosidade polas gafas do seu avó; como se verá a través delas? O que comeza sendo unha pequena trasnada acaba por convertirse na maior de todas as aventuras.

Casa da Cultura de Burela.
Sábado 27 de febreiro ás 18:30 horas.
Público Familiar.
Entrada 2,50 euros.